Saturday 27 de April de 2024

Anxo M. Lorenzo salienta o papel da investigación académica para internacionalizar o legado de Pardo Bazán


— Indica que a programación do centenario da autora está a contribuír a reforzar o estudo e a divulgación da vida e obra da autora e achegalo a todos os públicos

— Recorda que a Xunta promove este ano diferentes iniciativas como a gran exposición que chegará a Coruña o xoves en colaboración coa Biblioteca Nacional de España

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe o papel que a investigación académica está a ter para estudar, promover e divulgar a figura de Emilia Pardo Bazán en distintas partes do mundo “e internacionalizar así o seu legado”. Así o expresou na inauguración do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, organizado pola Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago co apoio da Xunta.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu á organización levar a cabo unha proposta como este congreso que reúne “destacadas voces de todo o mundo expertas na produción literaria e na vida de Emilia Pardo Bazán”. Como engadiu, o congreso enmárcase na programación conmemorativa do centenario da morte de Pardo Bazán na que o Goberno autonómico está a ter, dixo, “un papel activo con propostas propias e en colaboración con outras entidades para achegar ao público a figura da autora”.

Neste sentido, recordou a posta en marcha de máis de 40 actividades durante este ano, entre as que, ademais deste congreso, tamén destacan a gran exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, coorganizada pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España e Acción Cultural Española en colaboración con outras entidades, entre elas a propia RAG. Chega este xoves á Coruña tras o seu paso por Madrid eeúne máis de 200 pezas entre libros, manuscritos, fotografías, óleos, debuxos, mobles e outros obxectos da autora. Está comisariada pola historiadora Isabel Burdiel e conta con Jesús Ángel Sánchez García como comisario técnico para Galicia.

Vontade institucional
A ela súmanse a proposta da Xunta recentemente inaugurada no Museo de Belas Artes da Coruña con doazóns que lle fixeron ao museo María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, filla da autora, así como María Esteban-Collantes y Sandoval, irmá da nora de Pardo Bazán. Unha mostra, recordou, que se poderá ver ata a primavera de 2022. Indicou ademais, que o Goberno autonómico traballa tamén noutra proposta expositiva que itinerará por Galicia e que poderá visitarse nos xardíns das Torres de Meirás sobre o legado da autora que porá o foco neste inmoble como “espazo de democracia, cultura, defensa da muller, igualdade e do legado da súa creadora”, expresou. “Entre todos e con vontade institucional estamos contribuíndo a que se continúe escoitando a voz de Pardo Bazán e coñecendo a súa contribución á literatura e tamén á sociedade”, declarou.

Expertos de todo o mundo
Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois desenvolverase ata o mércores na sede da Real Academia Galega (RAG), na Coruña, e o xoves e venres en Santiago, tanto na Universidade como no Consello da Cultura Galega. Inclúense relatorios, conferencias, mesas redondas e sesións de debate, así como visita á exposición no Museo de Belas Artes e proxeccións cinematográficas. Participarán, entre outros, o catedrático emérito da USC e expresidente da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva; a académica de honra da RAG Marina Mayoral; o profesor emérito da Universidade de Alicante Enrique Rubio; ou a catedrática e historiadora Isabel Burdiel.